Galicia é a comunidade autónoma do Estado que conta con maior número de vivendas baleiras

Galicia é a comunidade autónoma do Estado que conta con maior número de vivendas baleiras no conxunto do Estado. Así o confirma o INE, que vén de publicar o seu último informe sobre o Censo de Poboación e Vivenda. Segundo se tira dos datos, o 18,6% do total de inmobles do país está deshabitado, fronte ao 13,7% da medida estatal. En case dúas de cada dez casas que hai no país non vive ninguén.

 

Ademais, as provincias de Ourense e Lugo son tamén as que contan cunha maior porcentaxe de vivendas baleiras no Estado -segundo estes últimos datos de 2011-, cun 22,7% e un 20,2% respectivamente, seguidas de Castelló (co 19,5%) e A Coruña (co 18,6%). Das cifras dedúcese que estes elevados niveisdébense en Galicia ao abandono no rural, ao ser o país a comunidade autónoma con máis lugares deshabitados. Nos territorios lucense e ourensán, os que contan con máis concellos no rural, máis de dúas de cada dez vivendas están baleiras.

No conxunto do Estado, nos últimos dez anos creceu o número de vivendas baleiras en 336.943. Deste total de inmobles que pasaron a estar abandonados, Galicia atópase tamén entre as comunidades cun maior incremento, de 70.036 inmobles, o que supón un 8,7% respecto ao total de novas casas baleiras entre 2001 e 2011.

 

Ademais, hai varios concellos galegos onde destaca o número de vivendas deshabitadas.Entre os municipios con máis de 20.000 habitantes, Lalín é o terceiro con maior porcentaxe de casas baleiras no Estado, cun total de 3.307 sobre as 11.729 que conforman o censo (un 28,2%). Outras localidades como Ames (3.744, 23,2 %), Ribeira (3.760, 23,1 %), Vilagarcía (4.411, 22,3 %), Arteixo (3.918, 22,2 %), Carballo (3.674. 22,2 %), Ourense (14.561, 21,7 %) e Lugo (12.370, 20,7 %). tamén se atopan entre as 30 que contan cun maior número de inmobles sen xente.

 

En canto ao parque xeral de vivendas, Galicia tamén é unha das autonomías onde máis aumentou o número de inmobles nos últimos dez anos, incrementándose en case 300.000, pasando de algo máis de 1,3 millóns a máis de 1,6, o que supón un incremento do 22,7%, varios puntos por riba da media estatal (20,3%)

 

Leer artículo original

Anuncios